Buscar este blog

sábado, 12 de marzo de 2011

2.-O NEOLÍTICO: A APARICIÓN DA AGRICULTURA

No período anterior, no paleolítico, o clima da terra volveuse tan frío que unha gran parte do planeta quedou cuberta por unha grosa capa de xeo: glaciación e o nome que recibe esta época. Os homes tiveron que se refuxiar en covas. Mulleres e homes tiveron que empregar as peles dos animais que cazaban para vestirse.
Tras este longuísimo período de frío tan intenso, o clima da terra volveu a quentarse. Isto aconteceu hai uns 12.000 anos. Os grupos de cazadores-recolectores do paleolítico volveron a cazar, pescar e recoller froitos  en moito mellores condicións. Seguiron facendo unha vida nómade e depredadora andando dun lado a outro na percura dos alimentos, pois estes homes do paleolítico non coñecían a agricultura nin a gandería.
Se cadra por casualidade ou non, viron agromar algunhas sementes, e comprenderon como medraban as plantas, xa que estes homes estaban moi en contacto coa natureza e observabana diariamente.
Así que comezaron eles mesmos a cultivar as plantas (trigo, avea, centeo, ...). Plantas que ata ese momento medraban silvestres, é dicir pola súa conta e sen intervención do home. Así nacía a agricultura.
Comezaron tamén a domesticar animais, tiñanos preto das súas vivenda e xa non precisaban ir a cazar.
Comezan a construir vivendas máis duradeiras que as chozas e cabanas que facían antes. Fan vivendas de pedra circulares no caso de Galicia e co teito de palla, agrupanse en poboados fortificados con murallas e foxos : os castros.

http://hoxe.vigo.org/movemonos/phistorico_castro.php?lang=gal




A este periodo se lle coñece co nome de neolítico (neo:novo, lithos: pedra) pois seguían a facer as súas ferramentas, utensilios e armas con pedras con pedras , pero non só as tallaban como no paleolítico senón que ademais pulíanas, pero tamén empregaban outros materiais como os ósos, o marfil,...
Aos mortos enterrábanos todos xuntos debaixo dunhas construccións de grandes pedras chamadas mámoas.
E así como os homes do paleolítico pintaban animais nas covas, os homes do neolítico en Galicia, facían grabados nas pedras, nas laxas, unhas veces representando animais, escenas de equitación e caza, pero facían tamén outros que hoxe non comprendemos moi ben o seu significado, con figuras xeométricas: círculos, espirais, labirintos. etc. que para eles dberían de ter un significado. Estes grabados feitos nas rochas  son os petroglifos.
Pasaron de ser depredadores a ser productores.
Pero estes homes non só observaban ás plantas e animais, tamen observaban os asros: a lúa, o sol , as estrelas... , construían grande monumentos con enormes pedras: megalitos ( mega: grande , lithos: pedras) probablemente para medir o tempo, coñecer a chegada das distintas estacións, pois lles interesaba saber cando debían sementar ou colleitar. Moitos destes megalitos, semellan ser observatorios astronómicos para predicir as estacións e outros fenómenos relacionados co tempo, eran como os seus calendarios. Servíanse da lúa e do sol para contar o tempo.

viernes, 11 de marzo de 2011

1.-O PALEOLÍTICO : CAZADORES E RECOLECTORES

A VIDA DO HOME NO PALEOLÍTICO

Nos primeiros tempos da prehistoria, o paleolitico (paleo: antigo, lithos: pedra) o home decatouse que traballando as pedras podía facer moitas ferramentas, armas e utensilios.
Ao principio servíalles calquera pedra máis ou menos afiada á que lle ataban un pau ou un óso e facían deste xeito as primeiras machadas, bifaces, choppers, raspadores... pero tamén fixeron outros tipos de instrumentos.



Máis adiante foron perfeccionando estes instrumentos e armas tallándoas (golpeándoas con outras máis duras)  para darlle a forma máis axeitada, amais de machadas, facían raspadores para quitarlle a pel os animais que cazaban; cestos e cestas de vimbio que ataban ou cosían cos tendóns ou nervios dos propios animais...
Aínda non coñecian a oleiría : traballar o barro para facer recipientes, pero empregaban outros materiais como cránios de animais, omóplatas, ... empregaban pedras que quentaban no lume e logo as botaban dentro destes recipientes para quentar a auga .
Estamos falando do homo ou mulier sapiens sapiens que foron desenvolvendo a súa intelixencia por mor do seu traballo, o que fixo que aumentara a súa capacidade cerebral.
Nas covas e abrigos nos que vivían fixeron diferentes pinturas dos animais que cazaban e escenas de caza ou recolección, por exemplo do mel das abellas.



Tamén facían esculturas de mulleres repoludas (chamadas "venus") que eran como deusas da fecundidade e outros gravados en ósos ou marfís dos animais...
Comezaron tamén a ter crenzas espirituais e probablemente facían ritos e cerimonias máxico-relixiosas.
Nesta época houbo un cambio climático e toda Europa arrefriouse e cubriuse de xeo e estes homes e mulleres tivoron que gorecerse en abrigos naturais ou covas  e entre  os penedos e bolos moi abundantes en Galicia.


Alimentábanse de carne de cervo e outros animais que cazaban xuntándose en grupos. Unhas veces cazábanos acurralándoos ou escorrentándoos cara aos despeñadeiros onde morrían ao caeren por eles.


Probablemente coñeceron o lume de casualidade, tal vez ao caer algún lóstrego durante unha tormenta... e aprenderon a facer lume frotando un pau contra un madeiro, ou facendo faíscas co pedernal e empregando escas (palla, fungos, ...) e así e como foron aprendendo a cociñar os alimentos, ou a afumalos para que así durasen máis e poder ter comida nas épocas de escasez. o lume tamén lles servía para se quentar, sobre todo nesta época tan fría ou para escorrentar aos animais.Toda Europa era como un enorme glaciar no que a vida resultaba moi difícil
Máis adiante as neves fóronse retirando cara ao norte e o clima fíxose máis suave  polo que a vida deixou de ser tan dura.
O home seguía recolectando: froitos e vexetais, máis aínda non coñecía a a agricultura nin a gandaría. Os que vivían preto da costa recollían: mexillóns, ameixas, nécoras, ...; e podían practicar a pesca.



A vida destes cazadores-recolectores, aínda que con menos frío, seguía a ser dura.




Andaban sempre dun lugar a outro, eran nomades sempre na procura do alimento e buscando aos rabaños dos animais que cazaban: cervos, cabras, coellos, aves, peixes, mariscos... Vivían en cabanas feitas,se cadra con peles, polas de arbores...
.
Dos animais non só aproveitaban a carne, tamén empregaban os ósos que lles servían de recipientes (cranios, omóplatas), para mangos ou armas (fémur, ...), adornos, bastóns de mando; tendóns e nervios para coser ou atar, as peles para se vestir...

(Todas as ilustracións pertencen á colección "A Nosa Historia" de Pepe Carreiro. Edicións A Nosa Terra)

martes, 22 de febrero de 2011

O PAZO XELMÍREZ

Á esquerda da fachada do Obradoiro sitúase este pazo , un dos edificios máis singulares do románico civil español.
A súa construccción data dos s. XII e XIII e foi promovida por iniciativa do arcebispo Diego Xelmírez para recibir aos ilustres visitantes que acodían a Santiago en peregrinaxe.
Foi reedificado no 1120 sobre as ruínas dun antigo pazo destruído na revolta comunal de1117.
Máis tarde foi agrandado nos s.XV e XVI polos arcebispos Lope de Mendoza e Fonseca, desta época é a fachada. Ten planta en forma de T.

Fachada do pazo Xelmírez

Na planta baixa ten un amplo salón con bóveda de aresta (cruce de dúas bóvedas de canón) e arcos de medio punto suxeitados por columnas rematadas en interesantes capiteis.
SITUACIÓN DO PAZO XELMÍREZ


Sobre este salón atópase o comedor cuberto por 6 tramos de bóveda de crucería. Os nervios destes arcos apoianse en grandes MÉNSULAS (elemento que sobresae da parede e serve para suxeitar algunha cousa, neste caso os nervios das bóveda)

Comedor: pódense apreciar as ménsulas


Nestas ménsulas están representados os máis fastuosos xantares do románico :
  • Nunha delas ante unha impresionante empanada, aparecen dous personaxes coas mans collidas por debaixo da mesa. Un lector sostén un libro na man, mentres un xoglar exhibe un oso adestrado.
  • Noutra ménsula aparece representado un crego no momento de bendicir a mesa e os alimentos que os servos depositan axeonllados (Hai quen di que é unha representación do banquete nupcial de Afonso IX de León ).
  • Noutra aparecen músicos.


Músicos representados nunha das ménsulas
 Saberías dicir que instrumentos están tocando? Volve a ver no enlace que tes a continuaciónl os instrumentos do Pórtico da Gloria se non te acordas.

A carón do comedor atópase unha impresionante cociña do s.XII cunha ventá xeminada(dobre) e unha lareira cuberta por bóveda de canón.

A ERA COMPOSTELÁ: ÉPOCA DE ESPLENDOR DA SOCIEDADE FEUDAL GALEGA

Santiago nesta época tiña un aspecto así.
Causas do esplendor da Era Compostelá :
  1. O crecemento demográfico : fai que haxa dispoñible máis xente para traballar o campo o que orixina un aumento na producción e deste xeito, pódese alimentar a máis xente.
  2. A desintegración do Califato de Córdoba a principios do s.XI coa que os árabes pasan a estar á defensiva deixando así de ser unha ameaza para os cristiáns.
  3. Os normandos aséntanse e intégranse no mundo cristián poñendo fin ás súas incursións.
Os artesáns e comerciantes comezan a enriquecerse. É a nova clase social que vive nas cidades (burgos) e que se coñece polo nome de BURGUESÍA.O Camiño de Santiago vai ser unha desas rutas comerciais que axuda á prosperidade da burguesía.


O comercio prospera nas cidades
Malia ó aumento de poder da burguesía o protagonismo no goberno ségueno a ter a NOBREZA E O CLERO.
A nobreza galega despois de varios intentos de crear un Reino de Galicia, ten que deixar esta idea, aínda que si vai ser a protagonista no territorio galego-leonés.
Esta época vai estar moi unida en Galicia á figura do arcebispo Diego Xelmírez : o primeiro arcebispo de Galicia.

Galicia, artisticamente vai destacar en dous aspectos:




  1. A poesía lírica dos Cancioneiros.
  2. A arte románica compostelá.

Os excedentes agrícolas melloran a vida dos labregos pero tamén a dos nobres

Eses excedentes agrícolas que melloran as condicións de vida dos labregos, melloran ao mesmo tempo o nivel de vida dos señores feudais (nobreza e clero) pois eles eran os propietarios das terras que os labregos traballaban. O reparto das ganancias entre o traballador (labregos) e explotador (nobreza e clero) quedará plasmado nun contrato entre estas dúas partes: O FORO.
Ese excedente agrícola é levado aos mercados ou ben por vía marítima, a través do Atlántico, pero sobre todo polo Camiño de Santiago, por onde van e veñen peregrinos, mercadores, cultura e cartos.
Animados por este comercio os ARTESÁNS tamén aumentan a súa producción, os seus OBRADOIROS espállanse polos BURGOS.

Os obradoiros dos artesáns situábanse nos baixos das casas
En Santiago, preto da catedral instálanse os ACIBECHEIROS que venden xoias, amuletos, medallóns...; na rúa Caldeiraría estaban os LATOEIROS e CALDEIREIROS que facían pucheiros, baldes, funís...; os PICHELEIROS e SELLEIROS ( xerras e sellas , para transportar líquidos...); na praza de Praterías os OURIVES e PRATEIROS vendían xoias, cálices, relicarios...; na rúa da Raíña estaban os OLEIROS que fabricaban cuncas, xerras, olas...; noutras rúas asentábanse os FERREIROS que vendían aos campesiños sachos, fouces, legóns, potas, cazos, tixolas...; na Porta de Mazarelos atopábase o MERCADO DE VIÑOS E FROITAS; preto desta porta situábanse os ZAPATEIROS e ALBARDEIROS que facían albardas, zocos, zapatos...
Na Porta da Pena estaban os TAPICEIROS E TECELÁNS (panos, tapices...); CESTEIROS: cestos , canastros...; PENEIREIROS : peneiras, pandeiros; os CARPINTEIROS : artesas, louceiros, escanos, arcóns...
Na Praza do Mercado, ateigada de xente comprando e vendendo carne, peixe, marisco, queixo, verduras, legumes, sidra, viño..., mentres XOGRARES, MÚSICOS, TITIRITEIROS, SALTIMBANQUIS... animaban rúas e prazas.



Na Praza do Obradoiro traballaban os CANTEIROS PARA A CATEDRAL ( de aí o nome de obradoiro )


Todos estes artesáns e os seus obradoiros poden darche unha boa idea do activo COMERCIO que orixinou o Camiño de Santiago e de como se foi enriquecendo a BURGUESÍA (artesáns e comerciantes) que vivía nas cidades (burgos) como Santiago.
O nome das rúas do casco vello de moitas cidades aínda conserva o nome destes artesáns e comerciantes, como sucede en Santiago.

ENFRONTAMENTOS ENTRE BURGUESES E NOBRES

Os burgueses enriquecidos queren participar no goberno das cidades e é aí onde comezan os enfrontamentos coa nobreza e o clero.
En Galicia , sobre todo, a burguesía ten que loitar conta os SEÑORÍOS EPISCOPAIS ( dos bispos) que é quen manda nas cidades galegas.
Os burgueses obteñen dos reis un certo grao de liberdade e autonomía que quedará plasmada nuns documentos outorgados polo rei e que son as CARTAS FORAIS.
Os burgueses agrúpanse por profesións nas mesmas rúas e crean unhas asociacións : GREMIOS ou CONFRARÍAS baixo a advocación dun santo patrón.

Os GREMIOS ou CONFRARIAS
 Estas asociacións regulaban os prezos, salarios, calidades, etc. e prestaban asistencia social aos seus membros (viuvas, orfos).
Para organizar todo isto a burguesía precisaba dirixir e participar máis na vida política das cidades e de aí que se creen os CONCELLOS que vai ser o órgano de poder dos burgueses nas cidades.
Os CONCELLOS estaban formados por 2 xuíces ou alcaldes e por xurados ou rexedores.
Pero, aínda que os que elixían aos candidatos eran os cidadáns a elección final correspondía aos bispos.
Esta interferencia dos bispos nos asuntos do goberno das cidades vai crear enfrontamentos e loitas polas liberdades cidadáns dende o s.XII ao XV.


Os burgueses enfróntanse co arcebispo Xelmírez

A loita ou REVOLTA COMUNAL máis importante tivo lugar entre os anos 1116 e1117, cando a burguesía de Santiago logrou arrebatarlle ao arcebispo  Xelmírez o poder temporal sobre a cidade: pechando a este e a raíña Urraca e ás súas xentes na catedral á que prenderon lume, Xelmírez e Urraca refuxiáronse nunha das torres.Moitos dos cabaleiros morreron , Xelmírez  puido saír sen que o recoñeceran  no medio do combate e foise a agachar coa raíña nunha tenda de panos, para refuxiarxe logo no mosteiro de San Paio.Os rebeldes pediron perdón a Dona Urraca e deixárona saír da cidade pero Xelmírez tivo que pagar un rescate.
En Padrón chamou aos seus vasalos e marchou cara a Santiago.
Santiago veuse rodeada polos exercitos de Xelmírez, Dª Urraca, o conde de Traba, o conde de Limia, o conde de Monterroso e o conde de Lemos. Os burgueses non lles quedou outro remedio que se render e Xelmírez entrou na cidade como señor.

(Os debuxos pertencen a Pepe Carreiro; están tirados de "A Nosa Historia")

jueves, 10 de febrero de 2011

O REINO DE GALICIA(2) : BISPOS E SEÑORES FEUDAIS NO SÉCULO IX

O Reino de Galicia estivo durante estes anos gobernado por bispos e señores feudais, que eran xente rica, propietarios de moitas terras herdadas de vellas familias que foran adquirindo co paso dos anos unha boa posición.
Pero co paso do tempo comezaron a reinar en Galicia os reis residentes en Asturias, o que vai a ocasionar un gran incomodo nos nobres galegos.
Os nobres galegos querían ter un rei propio, é dicir, un rei galego que defendese as súas cousas. E como eran teimudos porfiaron ata que subiron ó trono a Ordoño II como rei de Galicia.



BISPOS E SEÑORES FEUDAIS GOBERNARON EN GALICIA
DURANTE O S.IX
  A Ordoño II sucedeuno o seu fillo Sancho Ordoñez, pero morreu e o Reino de Galicia quedou outra vez sen monarca, facéndose cargo da coroa, ou o que é o mesmo, de gobernar Galicia, o rei de León.

No ano 812 a Sé Episcopal, que é o lugar onde residía o Bispo era a vila de Iria Flavia , preto de Padrón e Santiago, e nela gobernaba o bispo Teodomiro do que se di que foi o que descubriu a suposta tumba do Apóstolo Santiago, nova que cedo se extendeu por toda Europa. Varios camiños, por terra e por mar, uniron Compostela co resto de Europa.
Milleiros de peregrinos comezaron a vir a Santiago desexosos por veren os restos de Santiago.

MILLEIROS DE PEREGRINOS DE TODA EUROPA CHEGAN A SANTIAGO
Para chegar ao seu destino os peregrinos camiñaban mesmo de noite guiados polas estrelas da Vía Láctea. Este trasego de xente orixinou un formidable movemento de obras públicas na ruta xacobea,é dicir, no Camiño de Santiago, construíronse pontes, calzadas, igrexas, pousadas e hospitais.

TAMÉN XORDEN MOITAS POUSADAS E MEDRAN
MOITAS VILAS PARA ACOLLER A ESTES PEREGRINOS
Por toda Galicia van xurdindo novas vilas e cidades polos lugares do Camiño polos que pasaban os peregrinos e nos que a xente ía abrindo negocios : fondas, tabernas ... e todo tipo de "servicios turísticos".
No 1065 Galicia volve a ter rei de seu: García sobe ao trono do Reino de Galicia que  nesta época chegaba ata a cidade portuguesa de Coimbra.
Só vai durar cinco anos, pois é enganado polos seus irmáns que o encerran nunha mazmorra en León, onde morre.
No ano 1090 vai ser unha muller a que asuma a coroa do Reino de Galicia: Dona Urraca, a primeira e única raíña de Galicia.


DONA URRACA COROADA RAÍÑA DE GALICIA NO1090
Dona Urraca estaba casada co francés Raimundo de Borgoña, Conde de Galicia. Co seu marido e con a colaboración de Diego Xelmírez, arcebispo de Santiago inicia unha época de esplendor da sociedade galega que é coñecida por ERA COMPOSTELÁ. :
Os canteiros erguen a catedral de Santiago e os trobadores e xoglares andan polas rúas de santiago cantando as súas CANTIGAS.
Do matrimonio de Dª Urraca e Raimundo de Borgoña nacerá un fillo: AFONSO RAIMÚNDEZ, que vai ser coroado máis adiante polo arcebispo Xelmírez como rei de Galicia, na propia Catedral de Santiago, e apoiado pola nobreza e o clero galegos.
Logo, el mesmo se autoproclamaría tamén rei de castela e León e mesmo Emperador.



AFONSO RAIMÚNDEZ AUTOPROCLÁMASE EMPERADOR DE
 GALICIA, CASTELA E LEÓN.
Despois de Afonso Raimúndez reinaron en Galicia o rei Fernando e o seu fillo Afonso que están enterrados na Catedral de Santiago.Despois Galicia foi incorporada o reino de León e castela e non volveu a ter reis nin raíñas de seu nunca máis.
(Os debuxos son de Pepe Carreiro e están tirados de "A nosa Historia")  

miércoles, 9 de febrero de 2011

A CATEDRAL DE SANTIAGO

1.- SÉCULOS I-IV :ASENTAMENTO ROMANO:

Unha tumba romana : do pequeno mausoleo romano atopado polo bispo Teodomiro só quedan os alicerces que rodean a actual cripta do apóstolo na Catedral. Pero este edificio de reducidas dimensións fora daquela restaurado para facer as veces de absida da pequena igrexa que se edificara no lugar. Foi mantido en pé, mesmo dentro da catedral románica, ata a reforma do altar maior ordenada polo bispo Xelmírez (1100-1105). 
Probablemente a Compostela da época romana puido ser un punto de control da calzada romana que ía de Padrón ata Lugo e A Coruña.
No plano que figura na ilustración podes observar os restos que se atoparon das edificacións que existían nesta época romana : restos do mausoleo romano, dun muro, dunhas termas e das tumbas aparecidas nas excavacións arqueolóxicas.


MAUSOLEO E RESTOS ROMANOS APARECIDOS NAS EXCAVACIÓNS
2.- SÉCULO IX: CONSTRUCCIÓN DA PRIMEIRA IGREXA:

Unha vez que é descuberto o suposto sartego do Apóstolo no ano 813 constrúese unha pequena igrexa arredor do edículo. Así comezan as peregrinacións alá polo ano 850.

PRIMEIRA IGREXA CONSTRUÍDA TRALO DESCUBRIMENTO DOS
RESTOS DO APÓSTOLO       
3.- A CONSTRUCCIÓN DA BASÍLICA (Século IX) :

Debido á chegada dos primeiros peregrinos é decidida a ampliación da pequena igrexa por parte do rei Afonso III no ano 880.
Á pequena igrexa engádenlle dúas naves laterais e alóngase a nave maior.
A sona e riqueza do santuario espertan a cobiza.Nos anos 960-970, a ameaza dos ataques normandos levan o bispo Sisnando II a construir unha muralla de pedra con torres para defender o lugar. Un segundo anel defensivo, un valado de madeira cun foxo tentará protexer os núcleos aldeáns. Pero de pouco valerán estas defensas ante o ataque do caudillo árabe Almanzor.
Cara ó ano 997 vai ser arrasada por Almanzor, aínda que logo será reconstruída varios anos máis tarde polo bispo Cresconio (1037-1066).

4.- A CONSTRUCCIÓN DA CATEDRAL (SÉCULO XI) :

As obras da construcción da  catedral terán comezo no 1078 empezando pola absida e o transepto. Como podes observar na ilustración a estructura exterior e a fortificación das fachadas acabarán en 1128. A antiga basílica do s.IX continuará empregándose ata 1112.


E COMEZAN AS OBRAS DA CATEDRAL NO S. XI.
  5.- CONSTRUCCIÓN DO PÓRTICO DA GLORIA E DO CLAUSTRO (s.XII) :

Tras a realización do claustro románico (1124-1134), o mestre Mateo dará comezo á remodelación da fachada occidental. O Pórtico da Gloria, sen portas que o ocultasen como ocorre hoxe, recibía os peregrinos.

O MESTRE MATEO REALIZA O PÓRTICO DA GLORIA NO S. XII





ASÍ ERA A CATEDRAL EN 1211

6.- CRONOLOXÍA DA CATEDRAL :

  • 1211. A catedral é consagrada polo bispo Pedro Muñiz, en presencia do rei Afonso IX.
  • 1250. Ampliación gótica.Primeira capela adosada: a capela das Ánimas.
  • 1316. Reforma da Torre do Reloxo ou Berenguela. Constrúese unha torre fortificada.
  • 1384.Comeza a construcción da Torre do Cruceiro.
  • 1462. As fortificacións da Catedral resisten un asedio de 5 meses.
  • 1466. Incendio na fachada de Praterías.
  • 1501. Construcción do Hospital Real, chamado hoxe Hostal dos Reis Católicos en estilo renacentista.
  • 1505. Derrúbase o claustro románico e iníciase a construcción dun novo claustro de estilo gótico.
  • 1544.Entrada gótica para a fachada da Acibechería.
  • 1583. Un raio destrúe a Torre das Campás.
  • 1590. Gaspar de Arce finaliza o claustro gótico.
  • 1603. Substitución do coro de pedra do mestre Mateo por un de madeira.
  • .Se queres ver como era o CORO PÉTREO DO MESTRE MATEO pincha neste enlace nel tamén podes escoitar como soaban os instrumentos representados no Pórtico da Gloria e escoitar algunha das Cantigas de Afonso X O Sabio :
  • 1606. Constrúese a escalinata principal.
  • 1612. Decórase a Porta Santa con esculturas do coro pétreo do mestre Mateo.
  • 1614. Constrúese a Torre da Vela, que semella o mausoleo de Alicarnaso (unha das sete maravillas do mundo antigo).
  • 1657. Renóvase a policromía do Pórtico da Gloria.
  • 1660. Para que a Catedral non teña aspecto de Castelo ou fortaleza medieval elimínanse as ameas que serán substituídas por balaustradas.
  • 1665. Primeira intervención barroca: refórmase o cimborio e a cúpula do cruceiro.
  • 1750. Remátase a Fachada Barroca do Obradoiro e instálase a estatua do Apóstolo.
  • 1769. Tras ser arrasada por un incendio remátase a fachada de Acibechería. Algunhas das súas pezas antigas son recolocadas na fachada de Praterías.
  • 1777. Remátase a praza do Obradoiro e o pazo de Raxoi substitúe ás murallas.
  • 1780. Domingo de Andrade reforma a Torre do Reloxo(a Berenguela) en estilo barroco e colócalle a campá.
  • 2006. Comeza a restauración do Pórtico da Gloria. 
A CATEDRAL ROMÁNICA


7.- ESTILOS ARTÍSTICOS DA CATEDRAL :






Se queres facer unha viaxe virtual polas rúas e catedral de Santiago pincha este enlace:


Podes ver os seguintes vídeos para entender mellor o románico e a catedral :
E facer unha visita virtual no seguinte enlace:
É interesante este enlace sobre os instrumentos musicais do Portico da Gloria:
http://centros.edu.xunta.es/cfr/coruna/files/LOS%20INSTRUMEMTOS%20MUSICALES.pdf














Fai unha visita virtual á catedral e aos seus museos no seguinte enderezo :