Buscar este blog

martes, 22 de febrero de 2011

A ERA COMPOSTELÁ: ÉPOCA DE ESPLENDOR DA SOCIEDADE FEUDAL GALEGA

Santiago nesta época tiña un aspecto así.
Causas do esplendor da Era Compostelá :
  1. O crecemento demográfico : fai que haxa dispoñible máis xente para traballar o campo o que orixina un aumento na producción e deste xeito, pódese alimentar a máis xente.
  2. A desintegración do Califato de Córdoba a principios do s.XI coa que os árabes pasan a estar á defensiva deixando así de ser unha ameaza para os cristiáns.
  3. Os normandos aséntanse e intégranse no mundo cristián poñendo fin ás súas incursións.
Os artesáns e comerciantes comezan a enriquecerse. É a nova clase social que vive nas cidades (burgos) e que se coñece polo nome de BURGUESÍA.O Camiño de Santiago vai ser unha desas rutas comerciais que axuda á prosperidade da burguesía.


O comercio prospera nas cidades
Malia ó aumento de poder da burguesía o protagonismo no goberno ségueno a ter a NOBREZA E O CLERO.
A nobreza galega despois de varios intentos de crear un Reino de Galicia, ten que deixar esta idea, aínda que si vai ser a protagonista no territorio galego-leonés.
Esta época vai estar moi unida en Galicia á figura do arcebispo Diego Xelmírez : o primeiro arcebispo de Galicia.

Galicia, artisticamente vai destacar en dous aspectos:




  1. A poesía lírica dos Cancioneiros.
  2. A arte románica compostelá.

Os excedentes agrícolas melloran a vida dos labregos pero tamén a dos nobres

Eses excedentes agrícolas que melloran as condicións de vida dos labregos, melloran ao mesmo tempo o nivel de vida dos señores feudais (nobreza e clero) pois eles eran os propietarios das terras que os labregos traballaban. O reparto das ganancias entre o traballador (labregos) e explotador (nobreza e clero) quedará plasmado nun contrato entre estas dúas partes: O FORO.
Ese excedente agrícola é levado aos mercados ou ben por vía marítima, a través do Atlántico, pero sobre todo polo Camiño de Santiago, por onde van e veñen peregrinos, mercadores, cultura e cartos.
Animados por este comercio os ARTESÁNS tamén aumentan a súa producción, os seus OBRADOIROS espállanse polos BURGOS.

Os obradoiros dos artesáns situábanse nos baixos das casas
En Santiago, preto da catedral instálanse os ACIBECHEIROS que venden xoias, amuletos, medallóns...; na rúa Caldeiraría estaban os LATOEIROS e CALDEIREIROS que facían pucheiros, baldes, funís...; os PICHELEIROS e SELLEIROS ( xerras e sellas , para transportar líquidos...); na praza de Praterías os OURIVES e PRATEIROS vendían xoias, cálices, relicarios...; na rúa da Raíña estaban os OLEIROS que fabricaban cuncas, xerras, olas...; noutras rúas asentábanse os FERREIROS que vendían aos campesiños sachos, fouces, legóns, potas, cazos, tixolas...; na Porta de Mazarelos atopábase o MERCADO DE VIÑOS E FROITAS; preto desta porta situábanse os ZAPATEIROS e ALBARDEIROS que facían albardas, zocos, zapatos...
Na Porta da Pena estaban os TAPICEIROS E TECELÁNS (panos, tapices...); CESTEIROS: cestos , canastros...; PENEIREIROS : peneiras, pandeiros; os CARPINTEIROS : artesas, louceiros, escanos, arcóns...
Na Praza do Mercado, ateigada de xente comprando e vendendo carne, peixe, marisco, queixo, verduras, legumes, sidra, viño..., mentres XOGRARES, MÚSICOS, TITIRITEIROS, SALTIMBANQUIS... animaban rúas e prazas.



Na Praza do Obradoiro traballaban os CANTEIROS PARA A CATEDRAL ( de aí o nome de obradoiro )


Todos estes artesáns e os seus obradoiros poden darche unha boa idea do activo COMERCIO que orixinou o Camiño de Santiago e de como se foi enriquecendo a BURGUESÍA (artesáns e comerciantes) que vivía nas cidades (burgos) como Santiago.
O nome das rúas do casco vello de moitas cidades aínda conserva o nome destes artesáns e comerciantes, como sucede en Santiago.

ENFRONTAMENTOS ENTRE BURGUESES E NOBRES

Os burgueses enriquecidos queren participar no goberno das cidades e é aí onde comezan os enfrontamentos coa nobreza e o clero.
En Galicia , sobre todo, a burguesía ten que loitar conta os SEÑORÍOS EPISCOPAIS ( dos bispos) que é quen manda nas cidades galegas.
Os burgueses obteñen dos reis un certo grao de liberdade e autonomía que quedará plasmada nuns documentos outorgados polo rei e que son as CARTAS FORAIS.
Os burgueses agrúpanse por profesións nas mesmas rúas e crean unhas asociacións : GREMIOS ou CONFRARÍAS baixo a advocación dun santo patrón.

Os GREMIOS ou CONFRARIAS
 Estas asociacións regulaban os prezos, salarios, calidades, etc. e prestaban asistencia social aos seus membros (viuvas, orfos).
Para organizar todo isto a burguesía precisaba dirixir e participar máis na vida política das cidades e de aí que se creen os CONCELLOS que vai ser o órgano de poder dos burgueses nas cidades.
Os CONCELLOS estaban formados por 2 xuíces ou alcaldes e por xurados ou rexedores.
Pero, aínda que os que elixían aos candidatos eran os cidadáns a elección final correspondía aos bispos.
Esta interferencia dos bispos nos asuntos do goberno das cidades vai crear enfrontamentos e loitas polas liberdades cidadáns dende o s.XII ao XV.


Os burgueses enfróntanse co arcebispo Xelmírez

A loita ou REVOLTA COMUNAL máis importante tivo lugar entre os anos 1116 e1117, cando a burguesía de Santiago logrou arrebatarlle ao arcebispo  Xelmírez o poder temporal sobre a cidade: pechando a este e a raíña Urraca e ás súas xentes na catedral á que prenderon lume, Xelmírez e Urraca refuxiáronse nunha das torres.Moitos dos cabaleiros morreron , Xelmírez  puido saír sen que o recoñeceran  no medio do combate e foise a agachar coa raíña nunha tenda de panos, para refuxiarxe logo no mosteiro de San Paio.Os rebeldes pediron perdón a Dona Urraca e deixárona saír da cidade pero Xelmírez tivo que pagar un rescate.
En Padrón chamou aos seus vasalos e marchou cara a Santiago.
Santiago veuse rodeada polos exercitos de Xelmírez, Dª Urraca, o conde de Traba, o conde de Limia, o conde de Monterroso e o conde de Lemos. Os burgueses non lles quedou outro remedio que se render e Xelmírez entrou na cidade como señor.

(Os debuxos pertencen a Pepe Carreiro; están tirados de "A Nosa Historia")

No hay comentarios:

Publicar un comentario